sábado, 30 de junho de 2012

A realidade bilingüe do Bierzo








Praza- “No Bierzo fálase galego”, con esta frase reciben a calquera visitante que pregunte nesta comarca leonesa, situada xeograficamente a carón de Galicia e que administrativamente pertence a Castela e León. Ao preguntar en galego, os veciños responden nunha lingua, a de Rosalía de Castro, que nunca estudaron pero que saben porque aprenderon dende pequenos na casa e “sempre se falou”.
A paisaxe, semellante á do país, pode confundir…; abundan os castiñeiros, os macizos montañosos pero os distintivos oficiais deixan claro que se trata doutra comunidade autónoma aínda que se fala e se pensa en galego. Municipios coma Vega de Valcarce, Balboa, Cacabelos, Villafranca del Bierzo conforman un territorio no que se acepta, reivindicando a súa identidade berciana, o feito natural de falar na lingua propia de Galicia.
“De toda a vida aquí fálase galego e a nós danos igual o que nos digan”, di Tonete
Na perruquería de Tonete, en Vega, escóitase falar no mesmo idioma que en calquera concello galego. A conversa entre o barbeiro e o cura da parroquia,  de 26 anos, xira tamén nos mesmos termos e só se interrompe para dicir que alí sempre se falou, aínda que nunca o aprenderon na escola. “De toda a vida aquí fálase galego e a nós danos igual o que nos digan” di Tonete, que engade: "O único que non me gusta dos galegos, prosegue, é que presumen do caciquismo e do poder que teñen e o presidente que mandaron a Madrid para mandar en todos nós".
Antonio, o perruqueiro, é un vello militante socialista, ademais de antigo alcalde. A súa historia persoal e política está vencellada ao Bierzo e tamén a Galicia. Son frecuentes as visitas que fai a Lugo capital e a concellos como Cervantes. O alcalde desta vila foi o seguinte en cortar o pelo, tralo cura. No transcurso da conversa que mantiña con Don José Antonio, revelou a súa amizade co ex presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero. Mentres explicaba as anécdotas da súa loita política, nunha terra de predominio conservador, o perruqueiro interrompía a conversa para saudar en galego aos que asomaban a cabeza no seu negocio.
Os máis novos pola contra recean, é coma se se defendesen dunha posible asimilación, afirman o seu bercianismo aínda que o fan en galego.
Nos bares de Vega tamén se escoita o mesmo idioma.Chégase máis alá e non dubidan en dicir que nesta franxa occidental estamos falando con cidadáns bercianos e galegos. Aseguran, entre vaso e vaso, que os cursiños de galego que organiza o concello non lles fan falla porque o galego aprendérono na casa. Os máis novos pola contra recean, é coma se se defendesen dunha posible asimilación, afirman o seu bercianismo aínda que o fan en galego.

Mil alumnos matriculados en galego

En Balboa, ocorre o mesmo, e na palloza que serve de cantina e lugar social só se escoita o son do idioma propio de Galicia. Os veciños van máis alá ao recoñecer que os seus fillos estudan galego na escola e iso parécelles ben porque así poden traballar na comunidade veciña.
Os veciños din que os seus fillos estudan galego na escola e iso parécelles ben porque así poden traballar na comunidade veciña
Son mil os alumnos que están matriculados nos distintos institutos bercianos e centros de idiomas en materias impartidas en galego. Un acordo entre a Xunta e a Junta de Castela e León permítelles aos alumnos que o soliciten estudar Xeografía e Historia en lingua galega durante os catro cursos da ESO -ademais de Lingua en 4º de ESO e 1º de Bacharelato-, en institutos de Ponferrada e Villafranca.
O galego para os bercianos é unha realidade natural, compatible coa súa identidade e que vai máis alá de intencionalidades políticas. É por iso que unha organización en defensa da lingua como Xarmenta promove o uso da lingua e recoñece as institucións bercianas que se implican na promoción e defensa desta realidade cultural. Nesa mesma loita tamén traballa Fala Ceibe, que esixe das administracións un recoñecemento ao bilingüismo da comarca. Apoia a súa esixencia con datos concretos e coa coincidencia de que neste curso se cumpriron 10 anos da posta en marcha de cursos en galego nos institutos bercianos, rexistrándose un progresivo incremento nas matrículas en lingua e literatura galegas.
Os colectivos en defensa da lingua esíxenlles ás administracións públicas o recoñecemento de que no Bierzo e en Porto e Pías hai bilingüismo e que lonxe de ser unha eiva, constitúe unha realidade enriquecedora
Pero o uso do galego non só se limita a esta comarca leonesa, senón que en Porto e Pías, en Zamora, ao carón de Viana e da Veiga, tamén se emprega a lingua. O alcalde de Lubián, de nome Felipe Lubián, non deixa de falar na lingua propia de Galicia e incluso hai carteis en galego como o que se refire ao Cortello dos Lobos. Tanto nunha comarca como na outra os colectivos en defensa da lingua esíxenlles ás administracións públicas o recoñecemento de que no Bierzo e en Porto e Pías hai bilingüismo e que lonxe de ser unha eiva, constitúe unha realidade enriquecedora.