quinta-feira, 17 de maio de 2012

Na busca dun novo partido de centro galeguista


Os líderes de Terra Galega (TEGA), Partido Nacionalista Galego (PNG-PG), Alternativa Popular Galega (APG), Converxencia XXI (CXXI), Partido Galeguista Demócrata (PGD) xa traballan xuntos.

O sábado pasado reuníronse en Santiago de Compostela os principais representantes das forzas políticas galeguistas de centro. O obxectivo do foro é, segundo os presentes,  "confluír nun partido único de centro galeguista".

Na xuntanza participaron Henrique Carvalho Rodrigues, presidente Alternativa Popular Galega (APG), Carlos Vázquez Padín, secretario xeral de Converxencia XXI (CXXI), Alfredo Bea, secretario xeral do Partido Galeguista Demócrata (PGD), Guillermo Sánchez Fojo, secretario xeral de Terra Galega (TEGA),  e Rosendo Covelo, secretario de organización do Partido Nacionalista  Galego -  Partido Galeguista (PNG-PG).

Cómpre ter en conta que o PNG estaba até este mes dentro do BNG. Moitos escindidos do Bloque manteñen outro proceso de diálogo para crear un 'novo proxecto común', neste caso centrado no nacionalismo de esquerda.

Dende o centro os reunidos o sábado destacan que eles lanzan "un proceso aberto a aqueles cidadáns e organizacións que teñan a Galicia como prioridade e o centro como espazo político de referencia".

"Galicia precisa un compromiso redobrado nestes momentos difíciles. O noso Pais esixe un novo pulo nestes tempos de crise, tanto económica como de identidade", argumentan os reunidos este sábado.

O seu obxectivo está claro, superar a atomización deste espazo político e traballar "decidida e definitivamente na confluencia política e organizativa dos nosos partidos".
E Máis Galiza?
Unha das claves para a viabilidade do novo proxecto de centro será o posicionamento de Máis Galiza. Este partido, que tamén deixou o BNG, representa a ideoloxía máis socialdemócrata dos que estaban no Bloque.
A súa adhesión ao proxecto de centro, ao proxecto de esquerdas, ou o seu camiño en solitario será determinante para o redebuxo do mapa do galeguismo galego. Das citadas nesta noticia, Máis Galiza é a forza con máis concelleiros, aínda que boa parte deles decidiron, polo de agora, seguir no Bloque.

Comparte en Chuza