quinta-feira, 10 de maio de 2012

Nova edila “de Normalización Lingüística” fai a súa primeira comparecencia en castellano


Rebeca Domínguez Iglesias, veciña da Zona Nova, nº 14 da listaxe coa que Conde Roa se presentou ás eleccións municipais de maio de 2011 e militante de Nuevas Generaciones, é a nova concelleira de Normalización Lingüística e Educación despois de que Ángel Currás desdobrase esta concellaría e puxese baixo o seu mando directo a política cultural do Concello. A Srta. Domínguez, a pesar da responsabilidade que detenta, é unha persoa completamente allea ao traballo pola hexemonía social da nosa língua.
Español-falante habitual, a Srta. Domínguez entrou no Concello despois de que a dirección do PP en Galiza forzase a dimisión de Conde Roa. A nova concelleira nada ten a ver coa normalización do noso idioma, pero, dado que Currás tivo que deixar a concellaría despois de ser designado alcalde, a nº 14 foi quen ocupou o seu cargo. Domínguez foi presentada hoxe en comparecencia mediática polo alcalde. Da súa intervención destacamos duas cuestións: primeira, a edila utilizou o castellano. Nen sequer o emprego protocolario que caracteriza o resto do seu grupo municipal.  Segunda, para alén de xeneralidades, nen unha palabra respecto aos planos que poda ter –se existen- para a promoción da nosa lingua.
Continuismo
Dado que o mandato de Currás se anuncia continuista, a chegada de Rebeca Domínguez non anuncia nada bon despois de normalizarse as comparecencias institucionais do Concello en español, a recepción en sede institucional á ultra Gloria Lago, o boicot económico ao Correlingua, a marxinación do Galego nas próximas festas da Ascensión, etc. O actual Concello traballa claramente para construir España desde Raxoi. Unha edila de Normalización Lingüística que ten o castellano como lingua habitual é unha peza máis nese deseño colectivo.     Comparte en Chuza