sábado, 9 de junho de 2012

Beiras, 'condenado' a liderar o Novo Proxecto Común: el só achegaría entre 2 e 4 escanos


Nin a decisión está tomada nin o seu protagonista está convencido, pero Xosé Manuel Beiras vai liderar o Novo Proxecto Común do nacionalismo, que se presentará en sociedade este 25 de Xullo co seu deseño básico pechado, para facer coincidir o comezo da súa andaina cara ás urnas dos comicios autonómicos deste outono coa celebración do Día da Patria Galega, a data máis simbólica. Malia os movementos internos e as presións externas -que coinciden en sinalar a Beiras como referente indiscutible e como 'gran timonel', pero non na primeira liña-, o dirixente nacionalista con maior predicamento social e máis querido polo pobo dende Castelao está 'condenado' a ser cabeza de cartel do NPC. A razón máis poderosa é que a súa candidatura á presidencia da Xunta garántelle á nova forza entre dous e catro escanos.
Mentres o resto de formacións que traballan no NPC non disimulan as présas por pechar un acordo, os irmandiños seguen a folla de ruta marcada por Beiras: cociñar a nova alternativa dende a base e decidir todos os pasos nas asembleas, como mellor maneira de transmitirlle á sociedade un xeito de facer política plural, participativo, transparente e integrador. De feito, o Encontro Irmandiño pule a 'chicha' do NPC no case medio cento de asembleas que ten creadas en todo o país, abertas ás achegas das outras sensibilidades interesadas en erguer a nova oferta nacionalista.
Na contorna do catedrático de Económicas non ocultan que el preferiría saír das trincheiras e dar un paso atrás, pero as circunstancias o van obrigar a encabezar as listas, non só polo seu sólido plus electoral, senón porque as súas posibles remudas -Martiño Noriega, alcalde de Teo, en concreto- teñen claro que sen el todo será máis difícil no NPC, por non dicir imposible. Beiras é a argamasa que dá sentido á nova forza nacionalista e, tamén, o líder máis carismático.
Despexada a incógnita do liderado, queda por ensamblar as sensibilidades nun acordo programático coherente e atractivo, e, sobre todo, todos terán que facer un esforzo de xenerosidade para adecuar as listas aos egos, máis que notables algúns deles, que conviven nesta primeira etapa do Novo Proxecto Común. A solución, o 25 de Xullo a máis tardar.