domingo, 17 de junho de 2012

O .gal non terá que superar ningún competidor directo


Asociación puntoGAL- A ICANN, o ente que goberna as direccións da Internet, revelou hoxe as candidaturas a novos dominios xenéricos de primeiro nivel. Entre elas figura o .gal, a candidatura para a lingua e a cultura galegas. Nas candidaturas presentadas non hai hai ningunha máis para a expresión ".gal" nin ningunha outra para a lingua e a cultura galegas. Polo tanto, puntoGAL terá que superar menos dificultades que os 230 dominios que foron solicitados por máis dun candidato.
Na multitudinaria rolda de prensa organizada en Londres, Rod Beckstrom e Kurt Pritz, CEO e vicepresidente da ICANN, detallaron as 1.930 candidaturas e os seguintes pasos no proceso de avaliación. Trátase da primeira vez dende hai máis dunha década que a ICANN acepta candidaturas para novos dominios xenéricos. Sobre o total, só 84 candidaturas foron presentadas en representación dunha comunidade ou grupo social; como é o .gal, presentado en nome da comunidade lingüística galega.
Prazos
Beckstrom explicou que os dominios que non sexan obxecto de recurso poderían superar o exame no primeiro cuadrimestre de 2013, e entrar en funcionamento a finais de 2013. Canda os seus socios en ECLID (o colectivo de candidatos de comunidades lingüísticas europeas) puntoGAL envioulle ao mandatario unha carta na que solicita que as candidaturas que teñen un interese público, como son as que representan a comunidades lingüísticas, sexan avaliadas en primeiro lugar.
Utilidade do .gal
Máis de 100 organismos de todo o país forman Puntogal. Entre eles están as principais institucións culturais (Real Academia, Consello da Cultura ...), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, colexios profesionais, medios de comunicación, etc. En Puntogal participan 20 centros galegos no exterior, baseados noutras autonomías de España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil. A asociación conta co respaldo da AMTEGA e de máis de 12.600 internautas que asinaron a prol do dominio. Todos os beneficios que se logren do rexistro de .gal serán reinvestidos en promover o galego nas novas tecnoloxías, de acordo coa proposta remitida por puntoGAL á ICANN.
Na recente presentación pública da candidatura, Manuel González, presidente de puntoGAL destacou que o .gal será "un anuncio machacón e perdurábel no tempo que lle recordará a todo o mundo a existencia da comunidade lingüística e cultural galega". González salientou tamén as vantaxes prácticas, como que os contidos en galego serán máis doados de atopar por internautas e buscadores.