terça-feira, 12 de junho de 2012

A cidadanía galega demanda un referendo sobre o rescate


Centos de persoas secundan as concentracións do BNG en 12 cidades e vilas galegas para denunciar o "roubo ao pobo" que supón o rescate e exixir un referendo "por democracia e transparencia"


Concentración en Vigo

"Non é un rescate. É un roubo ao pobo". A palabra de orde que presidiu as concentracións realizadas en cidades e vilas da Galiza, convocadas polo BNG, resumiu perfectamente o sentir e pensar desa cidadanía que coa súa presenza nesta mobilización apoiaba a demanda dun referendo sobre unha medida, o rescate que "vai ter graves consecuencias para tod@as nós".
 Da Coruña a Vigo, de Compostela a Ourense, pasando por Vilagarcía, Ferrol ou Lugo, entre outros puntos do país, acolleron unhas concentracións nas que se acusou ao goberno de Rajoy de mentir aos e ás cidadás: "É un rescate, non un préstamo, que vai servir para que a banca privada pague as súas débedas e sanee as súas contas. Están endebedando á sociedade", afirmábase no manifesto do BNG.
Máis recortes
O nacionalismo advirte que o rescate traerá un pacote de medidas antisociais para pagar a débeda e intereses que xere: "redución de cobertura por desemprego, de salarios, de recortes nas pensións, menos gasto social, aumento de impostos..." Para o BNG é imprescindíbel que se produza unha "depuración de responsabilidades", e que no Congreso se constitúa unha comisión de investigación, pois o PP e os xestores bancarios "deben asumir as súas responsabilidades".
Banca Pública Galega
Nas concentracións, o BNG tamén defendeu a Banca Pública Galega, como un instrumento "baixo control democrático e ao servizo dos intereses da sociedade", sendo así unha alternativa "a un sistema financeiro privado e especulador" ao que responsabilizan da crise actual.
Para os nacionalistas, o goberno de Rajoy non ten lexitimidade democrática para adoptar a decisión de solicitar un rescate "porque ninguén o votou para facer iso". Por democracia e transparencia, o BNG exixe a convocatoria dun referendo, "para que a sociedade exerza o seu dereito a decidir".