quinta-feira, 12 de abril de 2012

Queremos galego, de novo 3 anos despois o 17 de maio


Mundo Galiza-A plataforma cidadá unitaria inicia unha campaña informativa previa que chegará a vilas e cidades de toda Galiza, ás comunidades da diáspora e ás redes sociais
«Son, co de hoxe, 117 días sen que a TVG cubra nin unha soa información ou acto sobre Queremos Galego ou A Mesa«, censurou Carlos Callón ante a ausencia da televisión pública na conferencia de imprensa desta mañá
A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e da que fan parte case 700 entidades sociais de todo tipo, presentou formalmente esta mañá en conferencia de imprensa a convocatoria de manifestación nacional para o vindeiro 17 de maio, cuxo lema central será nesta ocasión «Paremos os ataques contra o galego«. 
Tal e como explicou Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz nacional da plataforma, «sobran os motivos» para mobilizarse e para «ateigar de novo» as rúas e prazas de Santiago de Compostela este vindeiro Día das Letras, precisamente cando se fan tres anos da primeira das multitudinarias manifestacións que se sucederon nos últimos anos contra a «política de desmantelamento da cooficialidade lingüística» e de «caza de bruxas contra o galego» emprendida polo goberno de Alberto Núñez Feijóo.
«Nestes tres anos non se produciu nin un só adianto para o galego», indicou Callón, e pola contra «o que hai é un goberno da Xunta máis preocupado en atacar a lingua propia e destruír a súa oficialidade que en resolver os problemas da xente«.
Para a ampla plataforma unitaria impulsora das máis multitudinarias mobilizacións cidadás en defensa do galego o actual goberno autonómico ultrapasou xa «moitas, demasiadas liñas vermellas». Unha das máis recentes, recorda a plataforma, é «cuestionar», mediante a «censura» de textos escolares, «que o galego é a lingua propia de Galiza«. «Hai agresións moi graves que a inmensa maioría da sociedade galega nin aproba nin está disposta a tolerar», advertiu Carlos Callón.
A conferencia de imprensa celebrada esta mañá, que serviu para presentar o deseño dos materiais da campaña informativa previa que a plataforma levará de aquí ao 17 de maio por vilas e cidades de toda Galiza e tamén a través das redes sociais, mediante o hashtag #17Mqueremosgalego, valeu tamén para constatar, unha vez máis, a censura informativa que padecen as actividades e iniciativas de Queremos Galego ou da Mesa pola Normalización Lingüística por parte da TVG. Co de hoxe son xa 117 días os que a televisión pública galega leva sen cubrir ningunha das informacións ou comparecencias da plataforma cidadá.