sexta-feira, 27 de abril de 2012

A taxa de paro en Galiza supera o 20% da poboación activa

A EPA do primeiro trimestre do 2012 ofrece un panorama desolador do emprego en España e en Galiza. No noso país hai 265.000 parados. Esta cifra equivale ao 20,18% da poboación activa. E supón un incremento notable do número de desempregados tanto fronte ó anterior trimestre (25.000 máis) como en comparación co mesmo período do ano anterior: 39.000 máis.



Por provincias, os peores resultados absolutos danse en Pontevedra . Nela a taxa de paro dispárase ata o 25,08 % da poboación activa (22,98 % na EPA do último trimestre do 2011; 17,9 no mesmo período do ano anterior). Hai no seu territorio 114.900 parados (104.800 na anterior publicación, 93.700 hai un ano).
A segunda provincia que presenta unha peor taxa é Ourense, cun 20,10 % (19,08 % na anterior EPA; 17,9 % na do primeiro trimestre do 2011). Hai nela 27.200 parados, 700 máis que na anterior enquisa (2.300 máis que hai un ano) e 3.000 máis que en Lugo , onde a porcentaxe de desempregados baixa ao 15,57 %.
O lucense é o mellor dato galego, pero supón un incremento da 3,5 % fronte ao de finais de 2011. E un 2% máis que o de comezos dese ano. A cifra absoluta alcanza os 23.900 parados, 5.000 máis que na última EPA; 3.000 máis que na do primeiro trimestre do 2011.
Na provincia da Coruña hai 99.500 persoas sen emprego e unha taxa do 17,5 %, un punto e medio superior á do último trimestre do 2011, o que supón case 9.000 parados máis.
Na comparación interanual, a provincia máis poboada de Galiza aumenta en dous puntos a súa taxa de paro, o que supón uns 12.000 desempregados máis.
No conxunto de España o número de desempregados aumentou en 365.900 persoas no primeiro trimestre ata 5.639.500 e a taxa de paro subiu 1,59 puntos e situouse no 24,44 % da poboación activa. É a maior subida desde o terceiro trimestre do 2009. E a terceira máis alta desde o inicio da crise.
Segundo a EPA , no primeiro trimestre a ocupación diminuíu en 374.300 persoas ata situar o número de ocupados en 17.433.200 e a taxa de actividade permaneceu no 59,94 %. Subiu en todas as comunidades autónomas.
O número de fogares con todos os seus membros en paro foi de 1.728.400, 153.400 máis que no trimestre anterior, mentres que aqueles en os que todos os seus integrantes están ocupados diminuíu en 252.300, ata os 8.593.700.
E todo isto grazas ós recortes do PP, cuxo plan para reducir o desemprego así como a dura e inxusta reforma laboral está a arruinar ó noso país, sometido a outro en peor estado.